En 1985, Bieito Ledo decide crear unha editora que produza
obras innovadoras na nosa lingua e contribúa a estendela
e a consolidala como lingua de prestixio na sociedade. Con
ese propósito, o 14 de novembro nace Ir Indo Edicións
na cidade de Vigo.
Nun principio a súa intención
será difundir obras de referencia, obras prácticas
e rigorosas, imprescindibles para consolidar o correcto uso
dunda lingua que aínda non estaba normalizada. O seu
periplo comercial comeza, pois, co lanzamento ao mercado do
Diccionario da Lingua Galega en tres formatos: o máis
completo en 3 tomos, o Práctico e o Diccionario Escolar,
de pequeno formato, e que hoxe vai pola súa terceira
edición.
Ir Indo axiña adquire sona gracias
a estas obras, e pouco máis tarde, decide abrir novos
camiños editoriais. Nace entón a colección
Narrativa, na que publicarán autores como Francisco
Fernández del Riego, Darío Xohán Cabana,
Alfredo Conde ou Moncho Borrajo. Hoxe a colección conta
con 45 títulos, a maioría deles orixinais en
galego, e outros que son traducións á nosa lingua
de escritores foráneos como Poe, Lovecraft, Tolstoi,
Conrad ou Roald Dahl, traducións que en outubro de
2002 deron lugar á colección Clásicos
Ir Indo.
As
imaxes, as linguas, os soños
Pioneira nos libros de imaxe, un dos grandes acertos da editorial
foi o camiño aberto coa colección Cidades de
Galicia, composta por obras de gran formato con textos en
galego, inglés, francés e español, e
que constitúen auténticas guías de luxo
das principais cidades do noso país. Son libros feitos
cun coidado exquisito, encargados a figuras ilustres da nosa
literatura (Camilo José Cela, Méndez Ferrín,
Filgueira Valverde ou Torrente Ballester) e cun peso importante
da imaxe, ás veces reproducindo en verdadeiras reportaxes
fotográficas un ciclo anual completo na cidade retratada.
No apartado visual da colección, resaltan artistas
e profesionais do eido visual como Laxeiro, X. L. Suárez
Canal, Vítor Vaqueiro ou M. G. Vicente. Centrándose
xa fóra das grandes urbes, a editorial decidiu continuar
empregando esta liña de obras de gran formato para
abordar a descrición das principais vilas de Galicia,
tanto dende o plano literario (sempre da man dun autor coñecedor
ao máximo da cidade retratada) como dende o visual
(un fotógrafo que capte as imaxes máis características
da zona). Con este obxectivo creouse a colección As
Vilas, onde podemos atopar poboacións como Soutomaior,
Celanova, Allariz, Baiona, Ribadavia ou Vilalba.

Crecendo
cos nenos
Pouco a pouco, a editorial vai diversificando as súas
liñas de traballo. Deseguido xorden coleccións
infantís como O Parrulo, destinada aos primeiros lectores
e unha das máis exitosas. Comeza a traballar tamén
en libros de texto. Créase entón o método
de lecto-escritura "Chirlo Merlo", que se compón
de libros de lectura, fichas prácticas, cadernos de
grafomotricidade, cadernos de pautas..., e que será
moi empregado polos mestres a nivel de toda Galicia. Xa en
1998, aparece a colección Festas na Escola (composta
por monográficos sobre as festas tradicionais galegas
onde se expoñen gran cantidade de actividades escolares
postas en práctica polo grupo de profesores que asinan
as obras), e unha nova colección infantil e xuvenil,
O Elefante Contacontos, baixo a que se publican obras literarias
breves adaptadas a tres franxas de idade diferentes: para
rapaces de máis de cinco anos, máis de oito
e máis de catorce.
A
fondo, co ensino
O mundo escolar seguiu sendo obxecto de interese por parte
da editorial ao creárense as coleccións Raigame
e A Fraga, encamiñadas, máis que nada, ao profesorado
e á consulta en bibliotecas, xa que cada obra é
unha análise especializada, un ensaio que xira arredor
dun só tema buscando as súas claves con rigor
científico. En Raigame a temática común
a todos os títulos será a etnografía
e a cultura popular galega, e en A Fraga o ensaio e a investigación
sobre temas tan diversos como o Parlamento galego, a autoestima
e a aprendizaxe, a filosofía da ciencia ou a memoria
dos presos do 36 na illa de San Simón.
Nunha época na que se carecía
de biografías de moitas personalidades importantes
do mundo social e cultural de Galicia, a colección
Galegos na Historia procurou achegar a calquera tipo de lector
as vidas de máis de dez figuras imprescindibles da
nosa historia recente. Castelao, Antonio Fraguas, Rafael Dieste,
Milladoiro ou Eugenio Granell son imaxes de portada nunha
colección que facilita dende os máis pequenos
detalles persoais ata os últimos feitos da vida pública
de cada personaxe investigado, sempre dende o coñecemento
e o respecto cara aos protagonistas.

Coñecer o entorno, amar o país
Por outra parte, a vella arela da comarcalización de
Galicia, desexada xa no Estatuto de Autonomía do 36,
animou aos responsables da editorial a afondar no coñecemento
das diversas comarcas galegas coa serie de guías informativas
Galicia a Fondo. Nas primeiras guías descríbense
e analízanse as nosas comarcas naturais, e logo de
establecerse a Lei de Desenvolvemento Comarcal do 96, a colección
continúa afondando nas divisións administrativas
establecidas nese texto legal. Xa a finais do ano 98 decídese
continuar empregando o formato cómodo e áxil
das guías para informar sobre viaxes e natureza, dúas
liñas editoriais recentes, caracterizadas pola gran
cantidade de fotografías que conteñen e o seu
formato práctico á hora de saír ao campo
a coñecer o medio ou a percorrer outras cidades e vilas
europeas.
Dende a súa creación, Ir Indo
procurou encher sempre os baleiros editoriais que existían
na nosa cultura. Hoxe pensamos que o obxectivo está
máis que cumprido coa aparición da Enciclopedia
Galega Universal, unha obra cumio coa que pretendemos dotar
á lingua galega dun instrumento de traballo imprescindible
e axeitado ás súas necesidades, moderno e rigoroso,
útil e completo. Unha obra coa que, en palabras do
editor Bieito Ledo, "a cultura galega se viste de longo".
|