BIEITO ROMERO.
(A Coruña 3.10.1964).
Músico. Técnico especialista en instalacións e liñas eléctricas,
non chegou a exercer coma tal practicamente xa que a súa paixón é a
música, á que se adica dende unha idade temperá. Pertenceu a diversas
formacións de prestixio coma o grupo de danza e música tradicionais
Xacarandaina da Coruña, ou mesmamente o Ballet galego Rei de Viana.
Fundador do grupo folk Luar Na Lubre no ano 1986, percorreu toda
Galicia, España e máis de 25 países acadando grandes recoñecementos,
premios e importantes experiencias vitais.
Con Luar na Lubre
levou a cabo centos de concertos, gravou once traballos discográficos,
unha longametraxe documental e participou coma compositor e músico con
outros grupos e solistas que van dende Mike Oldfield a Mago de Oz.
Colaborador de diferentes emisoras de radio dende os anos noventa,
actualmente compaxina o seu traballo na música coa dirección do programa
“Un mundo de músicas”, en RadioVoz.
O seu interese pola
simboloxía comezou na década de 1980, xunto con outros traballos
referidos ás cubertas vexetais, hórreos, camposantos galegos, música,
etc., nunha recompilación de día a día que no caso dos símbolos
tradúcese nun arquivo de máis de 1.000 imaxes procedentes de distintos
lugares de Galicia e tamén de diferentes países polos que ten viaxado. A
idea de facer este libro parte da importancia de amosar a riqueza
simbólica descoñecida e proxectada ata hoxe dende tempo inmemorial, de
evidenciar o deterioro que ano tras ano sofre este importante legado
patrimonial galego esmorecente (algúns dos símbolos recollidos neste
traballo non existen na actualidade), e a posible preservación dos que
aínda sobreviven e que están nun ameazante perigo, polo que ésta é unha
chamada de atención á sensibilidade desde unha perspectiva humilde e de
compromiso.